Ben Díaz

Busca


Galerías

Algunhas das miñas fotos
Ver todas


Calendario

« maio 2010 »
lu.ma.me.xo.ve.sa.do.
     
1
2
3
4
5
6
7
8
10
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
27
28
29
31
      
hoxe


MusicPlaylist
Music Playlist at MixPod.com

Creative Commons License
Blog Ben Díaz / Videafilm by Ben Díaz is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial 3.0 España License.
Based on a work at bendiaz.blogs-r.com.
Permissions beyond the scope of this license may be available at bendiaz@galicia.com.

 

 

A "gran" banda máis honesta do mundo

domingo 30 maio 2010

Din que os que son grandes non teñen costume de venderse. Pero no caso de SHELLAC, grandísima banda rock de Chicago a cousa é levada ó extremo.

Fun un dos 400 tip@s que tivo a sorte de ver a SHELLAC en directo. E digo sorte, porque ver a este grupo en directo non é doado. Este é o primeiro ano que tocan en España (que eu saiba), e só o fixeron en Vigo e no Primavera Sound. Probablemente, son a banda menos-difundida-máis-coñecida do mundo. En internet atopar novas sobre eles é un auténtico suplicio. Por non ter, non teñen nin páxina web...

Entón, ¿quen son SHELLAC, e sobre todo, por que ir a velos en directo? Pois esta xentiña son tres tipos norteamericanos, adictos ó rock ruidoso, influenciados polo punk e o post-rock, afiliados á repetición e ós ritmos asincopados, freaks a máis non poder e pouco amigos do comercio, que teñen catro LP's e unha maqueta por aí adiante (si, aínda que pareza incrible sacan primeiro un vinilo e logo CD), e que, outras consideracións aparte, son famosos en todo o mundo por estar liderados por un dos Productores - Enxeñeiros de Son máis importantes da historia: Mr Steve Albini.

E daquela, ¿quen é Steve Albini? Pois algo así coma un semi-Dios humilde da produción musical, que ten o seu propio estudio, e unha especial colaboración co sello Touch and Go Records, que tantas bandas "raritas" sacou á luz. Corrección: Steve Albini non é precisamente humilde, máis ben é sincero e cruelmente honesto coa industria da música. E isto en que se traduce? En non ser demasiado admirado pola MTV, vaia. Ata aquí, nada fóra do común; como el hai tantos outros.

O que pasa é que Albini gárdase algo especial. Primeiro, por ter gravado a grupos como Nirvana, Neurosis, Slint, Set Fire to Flames ou Melvins, entre moitos outros. Segundo, porque lle cobra ó grupo segundo o que lle pareza nese intre, e cun peculiar estilo Robin Hood: se veñen cunha gran discográfica detrás, cobra unha millonada, pero se non teñen un can e lle caen ben, non cobra un peso. Terceiro, porque renuncia a todo o que sea dixital, sempre gravando con sistemas analóxicos, e sempre insistindo en que tódolos músicos toquen ó mesmo tempo. Cuarto, porque non se empeña en crear un son para o grupo, se non en reflectir sobre o disco cómo soa realmente o grupo. Quinto, porque non quere porcentaxes sobre as vendas, algo que fan tódolos productores. Sexto, porque sempre que pode o deixa todo para ir tocar con SHELLAC.

O tipo é importante. E SHELLAC tamén. Realmente teñen un son absolutamente distinto a todo o que se escoitou no rock dende os 70. A guitarra de Albini sona a lata, precisamente porque o seu mástil está feito de... ¡aluminio! As baterías non son precisamente un metrónomo; máis ben levan o ritmo que lles peta. A banda pode tirarse 15 minutos tocando o mesmo riff sen inmutarse. As voces, máis que liñas de voz, son discursos, reflexións e berros, e preocúpanse máis ben pouco de afinar ou crear melodías, aínda que existen. E aparte de todo isto, soan crudos, moi violentos, moi puros en cando a banda de rock directa e agresiva. Por iso con SHELLAC non hai moito que facer: é unha banda que amas ou que odias.



Pero ante todo, SHELLAC son unha banda honesta. E por iso se plantan na sala Mondo Clube en Vigo (nun principio ían tocar no MARCO, para unhas 70 persoas, que máis non caben), e montan eles mesmos os seus instrumentos, e se preparan para tocar sen importarlles que o son e o escenario sexan (con perdón) unha basura, e dinlle ó técnico de luces que cun pouco de luz basta, e por favor sen cambios durante o concerto, e logo prenden os amplis, e tocan unha tras doutra sen máis, e súan como cerdos ata que remata o bolo sen venderlle a moto ó público. Non deixan indiferente a ninguén. A quen non os escoitou nunca, non soen gustarlle. É raro que aguanten todo o bolo. A quen os ten mitificados (é o meu caso), hora e media de concerto non lle chega a nada. Pero a forza que teñen en directo é incuestionable.

SHELLAC arrasan á audiencia sen máis artificios que a súa música. O espectáculo son eles tres, e máis nada. Parece que canto máis pequeno e raro é o sitio, máis a gusto tocan. E sobre todo, non se lles ve nin un pouquiño de chulería, nin ese non-sei-qué altivo dos grandes grupos, nin o famoseo indiferente. Son músicos absolutamente normais, absolutamente, que non se cren nada, que non saben de vanidade, pero apostan firmemente por un xeito de face-las cousas. E por iso non decepcionan.



Agora ben, o colmo xa foi ó final de todo. Un par de temas antes de rematar, Albini dixo vagamente que, despois do bolo, se a alguén lle apetecía, podían conversar un rato e vender algunha camiseta. Eu xa hai tempo que teño a costume de levar unha camiseta dos bolos máis importantes nos que estiven, e alberga-la posibilidade de ter unha camiseta de Shellac (nunca lla vin a ninguén, nin é posible mercala en ningún sitio) converteuse nunha sorpresa verdadeiramente abraiante. Así que rematou o concerto, e eu esperei. Non vin ningún posto de merchandising, e eles recollían os seus instrumentos tranquilamente, así que pensei que se cadra as camisetas se vendían na porta da sala. Fun ata alí, pero non vin nada. A xente do local díxome que as venderían no escenario. Así que volvín para alá, pensando que probablemente pasarían de vender nada, dadas as circunstancias. Tardaron un bo anaco en recollelo todo, e cando remataron, tras falar con xente do público (eu non son moi amigo de darlles a brasa ós músicos, especialmente porque son un profesional do espectáculo e sei o moito que fastidia ás veces), de súpeto chega o propio Steve Albini, colle unha caixa de cartón, e vai sacando lentamente as distintas tallas de camiseta. ¡¡¡O puñetero Steve Albini, unha lenda da música, vendía as camisetas alí mesmo, de xeonllos, sobre o escenario!!! Pareceume xenial, incrible. Nin sequera ensinaba á xente as camisetas... Se querías unha, pagabas 15 euros e a camiseta era túa. Un escándalo. Fun o primeiro en mercala. ¿Que como era a camiseta? Rara, claro. Toda negra; na parte de atrás, tamén en negro brillante (só resalta polo contraste das luces), o nome SHELLAC, e na parte de diante, no mesmo negro brillante, o debuxo dunha antena e a lenda "OMO", que aínda non sei o que significa, pero que penso é o nome do selo co que editan os vinilos. Unha preciosidade...

Mereceu a pena. Gastei 70 euros para poder ver a SHELLAC. 15 euros na viaxe en tren ata Vigo, outros 15 euros pola entrada, 15 euros máis pola camiseta, e 25 máis por unha habitación individual no hotel máis barato da cidade (fun eu so ó concerto, e nalgún sitio tiña que durmir). Sumémoslle 15 euros máis gastados en tres cervexas e un bocata post-bolo... E qué ben invertidos.

Poder ver a SHELLAC foi unha cortesía da marabillosa xente que compón SINSAL AUDIO. Nin Xacobeo nin historias, financiaran ou non o Festival. SINSAL leva oito anos (creo) arriscándose a traer, e non me cabe dúbida de que perden pasta, á música alternativa máis importante e sincera do mundo, e isa labor nunca se lles recoñecerá o suficiente. Permiten que os galegos podamos desfrutar da vangarda musical que está a transformar o mundo, xusto no momento idóneo. Preocúpanse por darnos a coñecer música de verdade, música valente e innovadora, música que só conta para os que se toman isto en serio. Non falo só de SHELLAC... Foi tamén esta xentiña quen trouxo ós mesmísimos GODSPEED YOU BLACK EMPEROR, ou ós grandiosos EXPLOSIONS IN THE SKY (cando non eran máis que catro rapaces nunha vila de Texas), dous concertos que tamén vivín en Vigo e que xa nunca se me borrarán da mente.

Ver directos así, mante-la fe na resistencia da boa música, é algo único. Lémbranlle a un por qué estás neste oficio, por qué segues a escoitar e ver música, por qué segues adorando o mundo do espectáculo. Unha auténtica cura para os que vivimos da Industria, e soemos deixarnos levar tamén por ise canto de serea que, moi ó lonxe, susurra... "isto só é un negocio, nada máis que cartos...".

Bendita música.

PD: Iso si, un bo espectáculo de luces e vídeo non lles viña nada mal...


Ben Díaz
 

 




Comentarios

Un conciertazo. Tienes razón en eso de que el sonido de la sala no estuvo a la altura de las circunstancias. Aún así, a base de ajustar sus equipos, los de Albini sonaron muchísimo mejor que Mission of Burma. Que manía en las salas de poner el volumen a tope aún a costa de la saturación.

Yo fuí con mi hermano desde Melide (ida y vuelta en el mismo día), y entre cena, gasolina y peajes también nos salió por un pico, pero mereció la pena. Si supiéramos los unos de los otros, podríamos haber ido juntos y te ahorrabas el hotel.

Por cierto, mi hermano fue por acompañarme, sin haber escuchado nunca a Shellac y le encantó. Aunque él escucha mucho hardcore y eso también ayuda...

Saludos

enviado por David o 15 xuño 2010 ás 12:34 PM CEST
Sitio web:: http://intramuros.es #

Ei, gracias por comentar! Pois si, soaron mellor que Mission of Burma, que por outra parte me pareceron un grupo moi pasable. Pero mal, moi mal, esa sala non serve. A música ambiente pre e post concerto foi horrible, e o volume altísimo a través de malas caixas, pero bueno, supoño que iso tamén é Shellac. Gustaríame, así e todo, telos visto no MARCO, onde ía ser nun principio, malia caber menos xente.

Ás veces merece a pena gastar algo de pasta por ver cousas verdadeiramente auténticas... Sobre todo se sabes que o artista o merece. Saudiños

enviado por Ben Díaz o 15 xuño 2010 ás 04:23 PM CEST
Sitio web:: http://bendiaz.blogs-r.com #



Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado