Ben Díaz

Busca


Galerías

Algunhas das miñas fotos
Ver todas


Calendario

« xaneiro 2010 »
lu.ma.me.xo.ve.sa.do.
    
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
20
22
23
24
25
26
       
hoxe


MusicPlaylist
Music Playlist at MixPod.com

Creative Commons License
Blog Ben Díaz / Videafilm by Ben Díaz is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial 3.0 España License.
Based on a work at bendiaz.blogs-r.com.
Permissions beyond the scope of this license may be available at bendiaz@galicia.com.

 

 

Top Ten 2009 de Música e Cine

martes 19 xaneiro 2010

 Hola de novo xentiña!

Xa estamos de cheo no 2010 e teño a sensación de que rematou, canda menos, unha década. Négome a pensar que o 2009 foi un ano nefasto, e dende logo non espero que o presente sexa peor, e que mellor xeito de amosalo que cun xa típico Top Ten persoal das produccións musicais e cinematográficas que, na miña opinión, foron reseñables neste ano pasado. Claro está, neste listado só se inclúen aqueles álbumes ou películas ós que tiven acceso... A saber o que me estou a perder por aí. Por iso, se tedes recomendacións e/ou correccións, non deixedes de comentar, que estou ávido de cousas novas.


TOP 10 MUSICAL (2009)


1 - Them Crooked Vultures: "THEM CROOKED VULTURES"



Para min, sen lugar a dudas, o álbume do ano. Xa só polos integrantes do grupo, resulta complicado dudalo. O mesmísimo John Paul Jones, o baixista orixinal de Led Zeppelin, toca o baixo nesta grandísima banda; o vocalista non é outro que Josh Homme, líder da gloriosa banda Queens Of The Stone Age e único guitarrista dos inventores do "Stoner Rock", a banda de culto Kyuss; e na batería, e isto é o máis curioso, Dave Grohl, o que foi batería de Nirvana e aínda segue a ser líder da banda de pop / rock Foo Fighters, ós que durante moito tempo ignorei sen base algunha. Este álbume sona a gloria, é hard rock clásico, pero absolutamente crudo, potente e, o que resulta máis difícil, alberga orixinalidade. Non sona nin a Zeppelin nin a Queens nin a FF, pero aglutina cousas das tres bandas, e añade unha boa ración de stoner e post-rock. Altamente recomendable. Xa me tarda velos en directo...

2 - Porcupine Tree: "THE INCIDENT"



"The Incident" non é o mellor álbume de Porcupine Tree nin moito menos, pero si o da súa confirmación definitiva como grupo imprescindible do rock actual. Se Porcupine Tree enganchou a moitos, eu o primeiro, cunha mestura perfecta entre o rock progresivo de King Crimson e Pink Floyd, o rock/metal paranoide e asimétrico de Tool e A Perfect Circle, e o pop lírico dos míticos Beatles ou Pearl Jam, sempre con Soundgarden de fondo, "The Incident" é unha cousa totalmente distinta, un álbume conceptual, que é virtualmente imposible de escoitar de xeito independente por estar concebido como un só tema que vai evolucionando (de feito, o directo da súa xira, que vin en Porto, se compón, na primeira hora, do disco enteiro, dende a primeira intro ata o derradeiro tema), moito máis melancólico, atmosférico e un tanto depresivo, bastante máis personal que todo o anterior, e por amosar cousas novas, resulta realmente interesante. Por certo, o clip de "Time Flies", que se proxecta nos seus directos, é moi interesante.

3 - Skye Edwards & Band: "KEEPING SECRETS"



Confeso estar perdidamente namorado desta muller. Pero teño motivos. Albergo tanta devoción probablemente porque non coñecía o seu traballo previo como cantante de Morcheeba, unha banda superlativa especialmente en álbumes como "Big Calm" ou "Dive Deep"; en calquer caso, Skye en solitario ten un rollo diferente, moi diferente, máis centrado nas posibilidades do trip-hop como ferramenta intimista de expresión, un marco excepcional para dar cabida a unha voz doce como se escoitaron poucas neste mundo. E a pesar de xirar por medio mundo (tiven ocasión de vela na Sala Caracol de Madrid e incluso falar uns minutos con ela), esta impresionante artista é amplamente descoñecida, e vagamente seguida por nostálxicos de Morcheeba (eramos tres tipos cantando as cancións namentres o resto permanecía frío e expectante). Pero Skye é a Voz. E o tempo non tardará en darlle a razón. "Keeping Secrets" é un álbume autoproducido, o segundo, que só se pode mercar nos seus concertos ou a través de iTunes. E iso hai que, polo menos, respetalo e valoralo.

4 - Mastodon: "CRACK THE SKYE"



De Mastodon pouco se pode dicir, case todo se dixo xa na prensa especializada en xéneros extremos. O único motivo polo que non poño a este álbume en primero lugar da lista, que sen dúbida é para min o mellor que sacou a banda ata o momento, responde a que non podo deixar de pensar que Mastodon supón o perfeccionamento e mestura de dous grupos que levan facendo o que eles fan durante bastante tempo: uns, os lexendarios Neurosis, un grupo que pasará á historia por ser capaces de crear algo inaudito e que tanto influenciou a tantos grandes grupos, e outros, os eclépticos Isis, que dalgún xeito xa partiron de Neurosis e avanzaron o camiño a seguir. Sempre que digo isto, alguén solta: "ese é un argumento moi simple, todo vén de algo, de feito, tamén Neurosis veñen de Black Sabbath", e ten razón. Por iso, "Crack the Skye", máis atmosférico, elaborado, progresivo e accesible que os anteriores, merece un lugar de honra na última década do metal. Mastodon renovou un xénero morto, deulle potencia e un novo son, paseuno en xiras por todo o mundo e non cabe outra cousa que aplaudir o seu traballo.

5 - Machine Head: "THE BLACKENING"



Xa sei que Machine Head están moi escoitados, que rememoran un metal entre new e industrial que xa soa obsoleto a estas alturas, que depois de álbumes como "the more things change" xa teñen pouco que ofrecer, pero é que todo iso cae polo seu propio peso cando un escoita "The Blackening". E cústame dicilo porque eu había tempo que renegara deste mítico grupo, especialmente cando comezaron a cambiar de estilo para contentar ós novos adolescentes con álbumes como "Burning Red", na miña opinión, absolutamente decepcionante. O que pasa é que Machine Head se deron conta de que nesa liña pronto terían que trocar de oficio, e adicáronse, se cadra un pouco tarde, a traballar un disco honesto co que Machine Head chegaron a ser, cun son actual demoledor e sen ningún atisbo de guiño ós novos fans. E así, si. Funciona. E sorprende que, nunha xira conxunta con Slipknot, foran eles os teloneros, sen equipo nin técnicos propios, sen escenografía, sen máis nada que amplis e instrumentos. Pois iso, así si.

6 - Wolfmother: "COSMIC EGG"



Wolfmother poderían merecer máis. Son probablemente unha das bandas novas máis interesantes que se poden atopar no hard rock hoxe en día, cun directo excelente e avalada por músicos de grandísima calidade. O problema (e a virtude) de Wolfmother é que, xa de inicio, non van máis alá de pretender recuperar o son dos 70. O primeiro álbume foi un calco de Black Sabbath, e este "Cosmic Egg" supón añadirlle á mestura Led Zeppelin en estado puro. E o resultado, de bo que é, abruma. Porque Wolfmother, malia basarse única e exclusivamente nun estilo musical finito, logran ser orixinais, manter certas peculiaridades propias e separarse o suficientemente do stoner rock como para non ser metidos no mesmo saco. Se ó cóctel explosivo añadimos un son excepcional, e un cantante de rexistros imposibles, temos unha fórmula irrechazable. Merece a pena.

7 - Steven Wilson: "INSURGENTES"



A risco de repetirse, xorde este tío novamente, líder e principal cabeza visible de Porcupine Tree, cun proxecto en solitario que, a priori, poucas cousas podería ofrecer, e sen embargo, "Insurgentes" resulta case máis Porcupine Tree que de "Incident", nunha liña especialmente progresiva e emotiva. O primeiro álbume en solitario de Steven Wilson está tratado con tanto agarimo e delicadeza que resulta imposible deixar de escoitar unha e outra vez ese tema que abre o CD e que parece amosar o que Wilson sempre foi en realidade pero nunca sacou fóra. "Insurgentes" é un gran doble CD, e nin sequera os estúpidos vídeos promocionais nos que SW se adica a destrozar iPods como método de protesta, consiguen empañar un traballo excelente. Dá gusto ver como algúns músicos todavía se esforzan en sacar bos productos en tódolos sentidos, nunha época marcada pola baixa profesionalización. Ó proxecto só lle falta ser levado ó directo.

8 - Franz Ferdinand: "TONIGHT"



Franz Ferdinand xa son un referente. Por iso sempre se pide máis deles. "Tonight" é un disco grandísimo, e sen embargo non chega ó nivel dos outros álbumes, nin segue a tendencia rockeira ó estilo Talking Heads ó que nos tiñan acostumados. Agora sonan moito máis profundos, máis sólidos, evolucionados e sen dúbida máis osados. E iso, a un grupo como Franz Ferdinand, sumerxido nun estilo o suficientemente comercial como para poñer en risco a personalidade dos seus temas, hai que agradecerllo. A produción foi moito máis traballada e iso se traduce tamén nun son máis complexo e ambiental, menos crudo. Unha mestura interesante.

9 - Slayer: "WORLD PAINTED BLOOD"



Slayer son Slayer. Isto non admite discusión. Ninguén sona coma eles, nin sequera parecido. Soio que se ademáis actualizamos o son, a cabeza pode chegar a reventar con toda esa cantidade de riffs a velocidades de vértigo e cambios de brutal factura. Pouco máis se pode dicir deles: En pleno 2009, tan frescos e potentes coma sempre, e se cadra máis. Non enganan a ninguén.

10 - Muse: "THE RESISTANCE"



Non me fío deste álbume. Non me fío porque me sona tan comercial que apenas podo distinguir se por enésima vez vou renegar dun grupo que anteriormente xa suscitou en min as mesmas dúbidas, e que agora, co paso do tempo, considero absolutamente inxustificadas. Muse é un gran grupo, e un CD novo da banda, e tanto máis se aporta novas cousas (aínda que sexan máis pop), hai que telo moi en conta, e sobre darlle tempo.


NOTA: Son consciente de que faltan moitos lanzamentos importantes, especialmente de grupos clásicos, como os novos de Alice In Chains, Pearl Jam, Megadeth ou Isis. A todos eles espero poder adicarlles neste 2010 algo máis de tempo...


TOP 10 CINEMATOGRÁFICO (2009)


1 - AVATAR (James Cameron)



Para min non cabe duda, a película do ano é Avatar. O proxecto no que James Cameron invertiu tanto tempo e, en especial, tantos cartos, saíu á luz en plena crisis mundial, podéndose ver nos cines españois, na súa versión 3D, ó nada desdeñable prezo de 11 euros, e conseguiu se-lo filme máis taquilleiro da historia. Así que en España continuamos co noso "arte" cinematográfico namentres unha película de acción norteamericana, feita única e exclusivamente para entreter, arrasa nas salas, moviliza a tódolos públicos, impresiona as nosas retinas e se leva os nosos cartos sen ningún problema. Aquí podedes ver unha crítica sobre algúns dos aspectos que, na miña opinión, levaron a Avatar ó éxito absoluto, sen especiais alardes publicitarios.

2 - ÁGORA (Alejandro Amenábar)



Houbo moita polémica respecto a se a nova longametraxe de Amenábar mantiña o nivel doutros proxectos seus. Na miña opinión Amenábar fixo o que leva facendo tanto tempo, e tan ben, reinventarse cun xénero distinto, narrado cun tono distinto, cun ritmo tamén distinto, e por qué non dicilo, tamén un tanto distante. Estou dacordo en que, se a pretensión era que Rachel Weisz amosara unha personalidade interpretativa ó nivel de Nicole Kidman en "Los Otros", pois a cousa non funciona. Sen embargo, non creo que foran por aí os tiros. Creo que o personaxe de Hipatia (todo un mérito recuperar a unha personalidade histórica ensombrecida polo paso do tempo) é todo un acerto na historia, e a película, entre espiritual e impecablemente rodada, funciona na súa sobriedade multimillonaria.

3 - CELDA 211 (Daniel Monzón)



Xuro que non a seleccionei porque teña no seu presuposto e producción capital galego, nin porque os mellores personaxes, na miña opinión, sexan interpretados por actores galegos (Luís Tosar, Javier Záhera ou Morris). Escollín Celda 211 porque a película funciona. E funciona sen esa especie de maldición segundo a cal as películas españolas, por moi ben que comece o guión ou por atractiva que sexa a idea, rematan por torcerse nos compases finais deixando insatisfeito a todo o mundo. Na miña opinión Celda 211 funciona como historia, sexa ubicada en España ou en Senegal, funciona, é unha boa película e debe ser valorada en todo o mundo como o que é. O motivo de poñela tan arriba no ranking radica en que, para os do país, supón un símbolo: a creación de obras audiovisuais agresivas, directas, impactantes, comerciais e entretidas, capaces de enganchar e mover á xente ata as salas. E deixémonos de conceptualidades...

4 - HOME (Yann Arthus-Bertrand)



Home é unha película documental imprescindible nos tempos que corren, por varios motivos. Primeiro, porque trata con rigurosidade o problema ecolóxico global. Segundo, porque para ter conciencia contra o cambio climático e as súas implicacións, é preciso antes saber qué cousas marabillosas existen no planeta. Terceiro, porque o seu visionado, en HD, é absolutamente de libre difusión a través de Youtube. Cuarto, porque visualmente a producción está tratada de xeito impecable. Quinto, porque non hai unha longa documental que se asemexe máis estéticamente a esa gran obra de arte que é Baraka. O resto de motivos podédelos poñer vós.

5 - GRAN TORINO (Clint Eastwood)



Altamente recomendable. Unha película para lembrar. Hai outras pelis por diante na miña escolla porque decidín premiar a orixinalidade; Eastwood presenta nesta obra unha mestura entre o "Harry el sucio" que tan famoso o fixo, e as grandes obras mestras que leva dirixindo todos estes anos. Un guión clásico, unha historia clásica, un reflexo das diferenciais sociais e culturais que todavía encadean a Estados Unidos, un western moderno, vaia, xirando ó redor dese personaxe endurecido polo sufrimento que xa non pode volver atrás sobre as súas lembranzas, e asume como único camiño tomar partido unha vez máis, enfrontarse con aquilo que só el é capaz de encarar, o destino, a honra, o deber, a paz. Gracias Dios por Clint Eastwood!

6 - SLUMDOG MILLIONAIRE (Danny Boyle)



¿Como é posible que o xenial Danny Boyle leve tantos anos facendo películas tan imprescindibles para a historia do cine e ninguén llo recoñeza? Home, a dicir verdade si houbo quen llo recoñeceu, a Academia das Artes estadounidenses, capaz de darlle o Óscar ó Mellor Director. Non diría que Slumdog Millionaire supera a outras películas súas como a delirante "Trainspotting", a doce e tenra "Millones" ou a traballadísima "28 días después", entre moitas outras. Danny Boyle é un exemplo de director moderno, sen ataduras estilísticas, en constante cambio e cunha habilidade especial para sacarnos, de cando en vez, unha bágoa ben invertida.

7 - EL EXTRAÑO CASO DE BENJAMIN BUTTON (David Fincher)



Curioso caso, precisamente, o que sucedeu con esta película, en moi poucos días primeiro aclamada e posteriormente criticada sen compasión. No equilibrio está a fórmula, e na miña opinión, trátase dunha gran película, digna de ser respetada. Pitt está bestial no seu papel, os efectos de maquillaxe e FX non teñen desperdicio algún, o guión é precioso, se ben é certo que por veces semella "Forrest Gump 2", a idea (que lle deben a Fitzgerald) é fantástica e moi cinematográfica, algúns personaxes (como o caso do capitán do barco) formarán parte xa da historia visual das nosas vidas e a impresionante Cate Blanchett foi retratada como aquelas grandes actrices do Star System. Conseguiu emocionarme, pero en fin, é que son un sentimental.

8 - THE WESTLER / EL LUCHADOR (Darren Aronofsky)




Outro director que non deixa de sorprenderme. Se verá sempre estigmatizado por ter feito unha primeira película tan memorable como "Pi", e unha segunda tan exitosa e estilizada como "Requiem for a dream". "La fuente de la vida" afogouno na corrente dos directores que nunca volverán a ser o que foron. E nese intre, o fracasado Darren dá co fracasado Mickey Rourke, con fama de ter moi poucas cousas que ofrecer aparte de conflictos e problemas na rodaxe, e aquí está unha película sobre a vida dun case anciano loitador de wrestling, e a súa costa abaixo, que parece ser un reflexo bastante inquietante sobre a vida do propio Rourke. Interesantísima, especialmente por supoñer unha ruptura total co estilo Aronofsky.

9 - PONYO EN EL ACANTILADO (Hayao Miyazaki)



Esta non é, nin moitísimo menos, a mellor película de Miyazaki para Studio Ghibli (de ser así estaría a primeira na lista). Non alcanza o nivel de obras mestras coma "El viaje de Chihiro" , "La Princesa Mononoke" ou "O castelo ambulante". Máis ben navega na onda de películas como "Mi vecino Totoro", máis centradas no público infantil. E aínda así, esta fermosísima historia mantén moitas das constantes de Miyazaki, en especial, a súa capacidade para dotar de vida á natureza, embadurnalo todo dunha fantasía sen límites e ó mesmo tempo, manter a inocencia e a honradez á hora de contar historias. Ponyo é un conto marabilloso, a cen anos luz de calquera das historias que Disney teña para contarlle ós rapaces. E por iso, ó vela, nós tamén nos emocionamos.

10 - MALDITOS BASTARDOS (Quentin Tarantino)



A min Malditos Bastardos gustoume, e moito. Cando vas a ver unha peli de Tarantino xa sabes co que te vas a atopar, violencia desternillante, interpretacións inolvidables, un gusto estético pouco frecuente e unha banda sonora espectacular, entre moitas outras cousas. Nese sentido, Malditos Bastardos non defrauda. En esencia, poderíase definir a historia que conta como "o final merecido para os responsables do Holocausto Nazi", que sen embargo nunca ocorreu. A idea, chea de rabia, é aplaudible. Pero se a meto no ranking non é por isto, especialmente cando Tarantino xa nos agasallou cun dos meus filmes favoritos, "Pulp Fiction", senón porque a secuencia inicial da película, debería ensinarse en tódalas escolas de cine. Absolutamente brillante.


NOTA: Aquí si que se me quedan moitas no tinteiro, todas moi boas, como TERMINATOR SALVATION, SICKO de Michael Moore, DONDE VIVEN LOS MONSTRUOS de Spike Jonze, o precioso conto STARDUST...






Así que, como vedes, hai moitas cousas aproveitables do 2009. Un mensaxe para todos os que non deixades de dicir que dende os 70 non hai boa música, ou que agora non se fan películas tan boas como antes: ¡ESPERTADE!


BEN DÍAZ

 






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado