Ben Díaz

Busca


Galerías

Algunhas das miñas fotos
Ver todas


Calendario

« decembro 2009 »
lu.ma.me.xo.ve.sa.do.
 
1
2
3
4
5
6
9
10
11
12
13
14
15
17
18
19
20
22
23
24
25
26
27
30
31
   
       
hoxe


MusicPlaylist
Music Playlist at MixPod.com

Creative Commons License
Blog Ben Díaz / Videafilm by Ben Díaz is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial 3.0 España License.
Based on a work at bendiaz.blogs-r.com.
Permissions beyond the scope of this license may be available at bendiaz@galicia.com.

 

 

¿É a Canon EOS 5D Mark II a cámara HD do futuro? Pasado, presente e futuro do HD de consumo

martes 08 decembro 2009

Últimamente todo o mundo anda como tolo con este tema, facendo spots e curtas por todas partes con esta nova cámara fotográfica dixital de serie alta fabricada por Canon que ofrece a posibilidade de rexistrar vídeo HD 1080p. Todo xurdiu coa nova de que Canon, a empresa fabricante de ópticas profesionales para fotografía e vídeo analóxico e dixital, sacaba un novo modelo de cámara réflex dixital SLR capaz de rexistrar vídeo HD cunha resolución inaudita, basándose na utilización dun sensor de captación da imaxe con proporcións idénticas ó formato 35mm tan empregado ó longo do século de existencia da industria cinematográfica, dotado de 21,1 megapíxels, algo que evidentemente non está ó alcance dos sensores CCD máis utilizados nas cámaras de cinematografía dixital en Alta Definición 1080.

Testeando.

Qué mellor para comezar a falar deste tema que observar detidamente un test da cámara:



Pero como seguro que moitos de vós seguides sendo escépticos, vexamos un test da mesma cámara a medianoite, onde os defectos son máis evidentes (e atoparedes poucos):



A importancia das ópticas.

Creo que seguramente coincidimos en que as imaxes, especialmente a nivel de definición e cor, son impresionantes. A risco de parecer resabido, teño que dicir que os que levamos un tempo utilizando cámaras videográficas de Canon (no meu caso, primeiro cunha XL1 de aluguer, logo coas XM2 da escola de imaxe e son, máis tarde coas dúas XL2 que todavía posúo e finalmente co salto á alta definición de calidade que supuxo XL-H1) xa sabemos das súas virtudes, fundamentalmente potenciadas por un dos principios máis importantes (e máis esquecidos) para calquer cámara que se precie: o 50% da calidade que pode aportar unha cámara, depende das especificacións do formato e soporte (sensores de captación, matriz, compresión de cor, velocidade de transferencia, definción do estándar, ancho de banda, soporte físico...) e o restante 50% depende directamente do grupo óptico (isto é, dos seus compoñentes, fabricación das lentes, corrección de aberracións, precisión de funcións e métrica, sensores internos...). Isto, insisto, é unha realidade un tanto ignorada polas modas que impoñen a utilización dunha determinada cámara só porque o fabricante ten que facer o imposible por vendela ou ben polas críticas un tanto pobres de revistas audiovisuais ou afeccionados ó sector. Moitos lembramos cómo chegou a España o HD de consumo, precedido por unha brutal campaña de desprestixio ós formatos anteriores e baixo a ficticia promesa de converterse en pouco tempo na solución a tódolos problemas no audiovisual. Ese gran salvador era o HDV, e os que pensaron que sería a panacea, tardaron pouco en darse conta de que, lonxe de resolver problemas, o HDV planteaba problemas.

O DV e o HDV dende a distancia.

No intre en que o formato apareceu, moitos operadores con talento levaban tempo desfrutando das posibilidades do DV. O MiniDV foi sen dúbida o formato máis democrático que existiu na historia do vídeo dixital e non parece que cousa semellante teña visos de repetirse nun futuro. Mais, na miña opinión, foi un formato malentendido polos profesionais do medio, practicamente na mesma medida en que o foi o HDV, aínda que os motivos foron, e non deixa de ser curioso, radicalmente contrarios. O DV foi menospreciado e o HDV foi enaltecido, incluso cando o paso do tempo parece indicar que o éxito do HDV (se verdadeiramente existiu máis alá do empuxe que aupou nas ventas a multinacionais como Sony ou Panasonic) foi precisamente a mellora nas súas cámaras do formato DV. Pero todo ten un motivo. O DV foi considerado case que un erro porque dalgún xeito iniciaba o declive da industria cinematográfica tradicional e polo tanto dos seus profesionais. A Alta Definición de CineAlta e Varicam xa chegara facendo ruído ó cine, pero todo se complicou en extremo cando, a través do DV, o vídeo dixital irrumpía no mercado de consumo. Ó fin e ó cabo, con CineAlta ou sen ela, a diferencia seguía a ser abismal entre o cine en 35mm e a cinematografía dixital, polo que o imperio Kodak non parecía peligrar demasiado. Despois de todo, a High Definition non era nada novo; para as Olimpiadas de Barcelona 92 xa se utilizaran videocámaras HD de 1250 líneas e ninguén ficou escandalizado.

O problema real foi a revolución que supuxo o feito de que un consumidor afeccionado puidera acceder a cámaras de moi baixo custe con calidade televisiva. Iso, e non outra cousa, era o formato DV. E namentres o cine seguía a rirse do HD dende as alturas, o MiniDV amosaba tal superioridade sobre os seus antecesores (especialmente sobre o Hi8) que a ninguén se lle escapaba xa a influencia que podía chegar a ter a corto plazo. Así que todos aqueles profesionais que dalgún xeito se mantiñan na ancha liña que dividía o mercado profesional do afeccionado, e que fundamentaban o seu éxito na tenencia lícita dunha videocámara broadcast de vella escola (aínda que fora unha S-VHS estilo ENG) e na maioría dos casos máis nada, topáronse de súpeto cun gran problema: o mercado afeccionado pasaba directamente a convertirse en semi-profesional, e isa liña, durante tantos anos tan ancha, agora pasaba a ser moi, moi fina, ata o punto de que consumidores afeccionados lograban estar ó mesmo nivel de medios que outros moitos profesionais cun módico desembolso de 3000 euros, aproximadamente. E non tardaron en aflorar esas tan extendidas (e presuntamente entendidas) frases: "Isto é malo, porque estáse a perder a calidade nas produccións; agora todo o mundo pode ser un cámara; xa non se valora ós verdadeiros profesionais" e tonterías polo estilo. Deberon pensar que os espectadores eran parvos de todo.

Así que algúns de nós, que comezamos a coñecer a fondo o medio a través de videocámaras DV (só nos deixaron manosear un día a ARRIFLEX SR-III de Super 16mm que había na escola, e había que estar tolo para aceptar como estándares as Betacam SP e DVC-PRO 25 que utilizábamos nas prácticas), non tardamos en mercar algunha e pronto entramos no mercado a base de sacar productos que, superada a barreira tecnolóxica, tiñan cabida en plena revolución. E por iso non quedamos sorprendidos cando as escolas tamén mercaron cámaras DV, despois os profesionais de conceptos inamovibles, máis tarde as productoras e por último, as grandes produccións cinematográficas. "28 días después" rodouse cunha XL-1 e agora que todo o mundo sabe parece non ter mérito. Pero que un director de fotografía como Dod Mantle decidira explorar ese formato tiña todo o mérito do mundo. A el non se lle escapou nunca o tema das ópticas, especialmente cando P+S Technik permitiron adaptar ópticas de 35mm ás cámaras DV.

Soio que logo chegou o HDV, e moitos dos que renegaran do DV cando saíu correron ás tendas pensando que a próxima revolución xa chamaba ás súas portas.  Máis alá de convertirse nunha tendencia, as cámaras HDV convertéronse nunha plaga. Durante algún tempo foi imposible alugar unha videocámara DV porque moi pouca xente comprendía que co formato non chegaba. O caso era ter unha HDV, aínda que a cámara, falando en plata, fose unha auténtica patata. Así que co HDV chegou unha falsa revolución, unha revolución traducida en ventas, unha revolución ficticia porque os productos xerados non tiñan cabida. Os televisores HD aínda non chegaran ó mercado de consumo, ningunha emisora de TV emitía aínda contidos en HD, e o HDV, gracias á súa infinita compresión (na maioría dos casos MPEG 2 cun ratio de 40 a 1) converteuse rapidamente nunha tortura para editores con equipos de consumo, e tamén para os directores de fotografía que corrixen a cor das súas produccións (cántas horas tirei na sala de post-producción tentando etalonar curtas...), que vían como o HDV se comía a súa paciencia a base de horas e horas de render por cada plug-in utilizado.

Pero non era todo malo no HDV. A fin de contas, tal e como dixo Robert Rodríguez tras facer a fotografía de Sin City, "ningún medio tecnolóxico novo para a cinematografía pode ser malo" (ou algo así), e dende logo o HDV tampouco o foi. O HDV, lonxe de traer un novo formato ó sector, o que trouxo foi mellores cámaras DV, e iso foi realmente positivo. Como cámaras miniDV, as HDV funcionaban perfectamente; melloraron en tódolos aspectos, especialmente na definición dos sensores CCD, nas posibilidades dos menús e na corrección de erros anteriores. Pero, excepto algunha que outra excepción (vénme á cabeza a JVC HD-100, que sen dúbida supuxo un grandísimo avance na tecnoloxía añadindo un diafragma óptico), as cámaras melloraron en todo excepto nas ópticas. Nin sequera Canon, un fabricante de ópticas; mellorou tan lixeiramente a óptica da XL2 con respecto á da XL1 que o cambio foi case imperceptible, comparado co resto de melloras que posuía a cámara, e iso que a XL2 era unha DV. Pero todo isto tanto daba: a batalla polo formato MiniDV estaba perdida.

Sony, JVC, Panasonic e o gran erro de Canon.

Así que, pouco a pouco, o HDV foi matando case por completo ó DV, e Canon, mentres as súas videocámaras agonizaban, non soubo qué facer. Sony foron listos dabondo como para saca-la Z1 canto antes e adornárona o suficiente como para que moitos pensaran que se trataba do "camarón" que todos esperaban. Asinaron un contrato con Carl Zeiss (os artífices das marabillosas Ultraprime) e automaticamente convenceron ata ós máis escépticos. Sony sabía que o gran problema dunha boa óptica, especialmente nos teleobxectivos, radicaba na escasa apertura de diafragma, e por iso perseverou en ópticas pobres (si, aínda que foran de Carl Zeiss, que tamén fabricaron ópticas para teléfonos Nokia) e sistemas de captación con moita sensibilidade (e niso demostraron ser os mellores, incluso tendo en conta a perda de calidade). Ademáis, Sony abanderaban o HD 1080i e iso era moito dicir, despois de comproba-lo éxito das CineAlta.

E pola outra banda, estaba Panasonic. Tamén eles contaban cunha irmá HD de renombre, a primeira que permitiu a utilización de velocidades de cadro variables seguindo as técnicas tradicionais do cine, e un fabricante de ópticas de renombre, Leica. Tecnicamente as Panasonic estaban mellor preparadas e resultaban máis versátiles que as Sony, pero explotaran demasiado o modelo DV (as xeniais DVX-100) e cando chegou a HVX-200, que amosou ser con creces a mellor cámara HD do mercado de consumo, Sony xa tiña gañado gran parte do mercado. Soio que Panasonic gardaba a carta determinante: a súa videocámara podía gravar DV, DVC-PRO 25, DVC-PRO 50 e... HD 4:2:2!!! E ademáis, reinventaban o concepto de vídeo no-lineal coa chegada da tecnoloxía IT sobre tarxetas P2 que permitían ser cambiadas en quente e grabar horas e horas sen utilizar cintas, aínda que tamén podían ser utilizadas. Moi boa cámara, pero de ópticas nada de nada. Pouco zoom, fabricación moi pasable, e sen posiibilidade de utilizar outras máis alá que a que traía de serie.

Co permiso das dúas grandes (Sony e Panasonic),  en JVC foron o suficientemente listos como para poñer no mercado unha cámara HDV ó estilo broadcast, copiando a idea inicial de Canon coa súa gama XL ó manter a posibilidade de usar ópticas intercambiables (e neste caso ademáis con montura de baioneta), aliándose cun potente fabricante de ópticas ENG como Fujinon, e añadindo (gran acerto!) un diafragma óptico de anel, o que permitía cambia-la exposición en toma sen ter que dar abruptos saltos electrónicos de 1/3 de diafragma, como aínda hai que sufrir no resto de cámaras dixitais de consumo. A GY-HD100 foi un grandísimo invento e chegou bastante antes que a de Panasonic, en competencia directa coas Z1 de Sony. Mais existían dous problemas esenciais (no resto de aspectos non había comparación): en primeiro lugar, JVC non era un fabricante profesional de cámaras broadcast, e polo tanto non xeraba confianza en moitos operadores. Os seus menús eran pouco amenos e ás veces demasiado toscos. E en segundo lugar, e aquí está o aspecto determinante, a HD-100 só gravaba en 720p malia permiti-la posibilidade de filmar a 30, 25 ou 24 fps. Con todo, foi un modelo que conseguiu manterse a flote moito tempo e os resultados, especialmente no que se refire ó dominio das funcións da cámara, eran espectaculares.

Namentres Sony e JVC se comían o mercado cos seus novos modelos HDV, Panasonic e Canon ollaban dende a barreira con certo escepticismo a este conflicto imposto entre o 1080i e o 720p, e os que xa eramos usuarios das súas cámaras, esperamos con eles esperando os novos modelos como auga de Maio. E Panasonic, cando decidiu sacar ó mercado a súa HVX-200, cumpliu as expectativas con creces, fabricando unha cámara moi por enriba do que ofrecían as outras, esencialmente, porque permitía un novo concepto do HD de consumo: unha alta definición real, lonxe das limitacións dunha pequena cinta DV, e directamente emparentada coas irmás maiores, cuestións ópticas e de captación electrónica aparte.

Pero Canon non soubo qué facer. E afundidos nun mar de dúbidas, decidiron decantarse unicamente por 1080i, pensando que non habería mellor opción. Como confiaban abertamente no camiño que abriron as XL, continuaron coa súa evolución aportando máis posibilidades de menús, máis potenciómetros, mellor óptica e unha mellor ergonomía. Pero as XL seguían a ser cámaras que amabas ou odiabas. Ós que non se acostumaran xa, era difícil acostumalos a estas alturas. Tampouco souberon avanzar cara o HD, e confirmaron o formato do que parecían escapar anos antes, o HDV, coa posibilidade da versión DV que tan bos resultaros lle dera. E por riba de tódolos demáis, o meirande dos erros, o que definitivamente condeou á camara ó abandono: sacaron o modelo XL-H1, tope de gama, cun importe de mercado de 7000 eurazos, cando Panasonic valoraba a súa HVX-200 na metade de prezo. Fracaso total. Os que admirábamos a capacidade de Canon para sacar productos de consumo cunhas cores e unha definición inigualables, ambos conceptos fundamentados na calidade do seu grupo óptico, baixamos do carro ás présas, vendo que semellantes loubanzas pronto se convertirían na nosa propia ruína económica. E Canon, no terreo do HD, morreu, moito antes de descatalogar a súa XL-H1, que de feito aínda está no mercado.

E agora, ¿que?

Pois home, ista é unha pregunta que, a finais de 2009, ninguén sabe aínda respostar. As cousas están máis claras no terreo estrictamente profesional. No cine os poucos profesionais tradicionais fóronse reciclando á cinematografía dixital, máis a disgusto que a gusto, e a día de hoxe, RED foi capaz de gañarlle suficiente terreo a Sony como para asegurar un brillante porvir. Primeiro a RED One, unha cámara cunha calidade nunca antes vista, coa posibilidade de rodar a 4K, a precio de cámara de consumo (sen accesorios, claro). Unha cámara que se adiantou tanto á parcela da post-producción que consolidou o sistema de traballo basado en EDL e streams de baixa calidade para a edición. Corrixir cor a 4K segue sendo unha utopía para moitos de nós, pero o salto tecnolóxico é indiscutible. E agora, chega a Scarlet, e con ela, un novo universo que explorar. Acontecementos demasiado rápidos.

Sony segue a ser un seguro para todos. Segue a mante-la súa exquisita alta sensibilidade, segue a mante-la ergonomía e a dinámica de traballo do 85% de operadores de cámara do mundo, que antes de operar CineAlta operaron Betacam Digital, cando non fixeron os seus "pinitos" coas (tamén de Sony) IMX, XDCAM, DVCAM ou Betacam SP. A HDW F-900 ten o mérito innegable de conseguir convertirse nun estándar real en alta definición, que non é pouca cousa, unha vez que xa está amplamente superada pola nova xeración HDCAM SR, como a F-23, con capacidad 4:4:4 e a máis recente F-35.

Panasonic, mentres tanto, ó igual que fixo no ámbito de consumo, continúa explotando a súa HDC-27 ata que os directores de fotografía decidan tirarlla á cara. A xente comeza a pensarse seriamente se o seu 720p é unha alternativa seria, con ou sen a posibilidade da famosa función "Varicam", a velocidade de cadro variable, que tanto entusiasma ós artesáns do cine (e a min tamén, debo recoñecelo). O problema é que moitos directores de fotografía mercaron a cámara no seu momento e agora teñen que sacarlle rentabilidade a algo que por definición non é rentable máis que para as empresas de aluguer de equipos. Mercar cámaras de tan alto coste pertence ó pasado e todos imos caendo na conta co paso do tempo. O que pasa é que, ó fin e ó cabo, ¿non é tan válido o 720p como unha producción a 1080 4K cando se posúe talento e, sobre todo, sabiduría á hora de iluminar? Pois Varicam logo.

E por suposto, as outras alternativas. ARRI sabe que non pode perder comba no terreo dixital tras pasar a dominar por completo o mundo do 35mm (co permiso de Panavision e Moviecam) e lanza a súa D21, cun só sensor ó estilo "negativo dixital" de 4:3 (¿retrocedemos ou avanzamos?), con velocidade de cadro variable, estilo Arriflex e un visor óptico (sen dúbida o mellor progreso). Por outra parte camiña Panavision coa súa Genesis, habilitando a posibilidade de utilizar as mellores ópticas en 35mm que se coñecen.

¿E no mundo do consumo? Pois no mundo do consumo acaba de chegar unha pequena cámara de fotos, chamada Canon EOS D5 Mark II, que está revolucionando as mentalidades de todo o mundo, sendo utilizada sen ningún tipo de escrúpulos en spots publicitarios, e producións de baixo e medio custe. Ante a pregunta: "¿É realmente unha ferramenta cinematográfica de nivel a nova Canon EOS D5?", a miña resposta é non. E os motivos son innumerables, como o feito de que un visor fotográfico segue a ser inválido para unha producción cinematográfica, que o diafragma electrónico é un atraso imperdonable, que a elección de diafragma e shutter dependan exclusivamente de enganar á cámara, dado que o seu firmware non permite gravar máis que en modo automático, sen prioridades de ningún tipo, e moitos outros aspectos que deben ser tomados moi conta. Entre outros, que só o corpo da cámara custa uns 2500 euros, e as ópticas non son nada baratas.

 

Pero todo isto é algo que se entende mellor a través de este artigo de Jason Kempnich sobre a Canon de marras.

Entre outras cousas, déixache bastante claro que, inventos raros aparte, a diferencia a segue a marcar o grupo óptico, e iso é algo que os fotógrafos teñen bastante claro dende hai tempo.

 






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado