Ben Díaz

Busca


Galerías

Algunhas das miñas fotos
Ver todas


Calendario

« decembro 2009 »
lu.ma.me.xo.ve.sa.do.
 
1
2
3
4
5
6
9
10
11
12
13
14
15
17
18
19
20
22
23
24
25
26
27
30
31
   
       
hoxe


MusicPlaylist
Music Playlist at MixPod.com

Creative Commons License
Blog Ben Díaz / Videafilm by Ben Díaz is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial 3.0 España License.
Based on a work at bendiaz.blogs-r.com.
Permissions beyond the scope of this license may be available at bendiaz@galicia.com.

 

 

AVATAR ou o perfecto remix dos grandes éxitos Sci-Fi

luns 21 decembro 2009

James Cameron acaba de estrear AVATAR nos cines, e tras escoita-la masiva repercusión que está a ter, así coma unha boa crítica dun tipo con criterio como é Manolo, profesor de medios técnicos en O Raio Verde, decidín, aproveitando que a miña irmá Selene, o meu sobriño Iago e o meu cuñado Juan Carlos chegaran de Palma de Mallorca, ir ve-la famosa peli e comprobar in-situ aquilo do que todos falan.

Para os que non saibades moito sobre esta película, podedes atopar información un tanto incompleta pero bastante fidedigna neste artigo de Wikipedia ou ben na páxina oficial. Segundo di o propio Cameron, AVATAR é un proxecto que se iniciou no ano 1995 cun guión de 80 páxinas, mais non se levou a cabo naquel intre porque, supostamente, os medios tecnolóxicos aínda non estaban preparados para o que o bo de James tiña en mente. Así que pasaron os anos, e xa en 2009, temos esta gran super-produción americana que actualmente arrasa nos cines.

Pero, ¿de que vai AVATAR? A sinopse pódese atopar en multitude de lugares, pero basicamente trata da loita entre alieníxenas "indíxenas" (os NaVi) residentes nun planeta chamado Pandora e nós, isto é, os humanos, que malia non mencionarse explicitamente estamos representados pola supremacía dos Estados Unidos, nun contexto futurista, mercede á necesidade dos empresarios terráqueos dun preciadísimo mineral que unicamente se pode atopar neste planeta lonxano. Para conseguir conquistar "diplomaticamente" o planeta, os humanos crean un humanoide extremadamente semellante ós NaVi, denominado Avatar, que pode ser controlado polos humanos mediante uns sarcófagos equipados con tecnoloxía de realidade virtual, e que ten como obxectivo conseguir inmiscuirse na cultura autóctona para obter información e así poder negocia-la súa rendición incondicional ante o empuxe humano.



Xa sei que a historia é unha auténtica fantasmada pero o certo é que na película resulta bastante creíble. Creíble ó estilo Matrix, soio que se cadra con algo máis de traballo en guión. Debo dicir  que me gustou moito a película. E a risco de ser crucificado por moitos de vós, considero que este filme marcará unha época; a nivel exclusivamente cinematográfico, isto é, de técnica e innovación cinematográfica, non creo que haxa dúbida algunha ó respecto. A outros niveis pode que si. Evidentemente a historia do cine deixou moitas xoias no camiño, pero se o xénero de ciencia-ficción pode xerar obras mestras (e eu defendo que si), estamos ante unha produción de alto nivel.

Pero por encima de todo o demáis, Avatar é un bo producto, o mellor producto posible do cine de acción actual. Unha vez rematada a saga de "El señor de los anillos", e tras ser explotada ata a saciedade a xa mítica serie de longametraxes de "Star Wars", non se me ocurre mellor xeito de convencer ás grandes masas e ós espectadores freakies selectos cun espectáculo audiovisual grandioso mellor que este filme. Avatar triunfa porque soubo rescatar o mellor de cada éxito de ciencia-ficción nos últimos 30 ou 40 anos. Soubo remesturalo todo, enchelo dun concepto cibernético máis actual que nunca e dotalo dos medios máis innovadores para facer unha obra que resulta absolutamente abrumadora para calquera.



E iso, tendo en conta que, para min, Avatar recibe as súas principais influencias dun creador marabilloso do mundo da animación, concretamente do anime xaponés, como é Hayao Miyazaki. Creo que o mundo cinéfilo aínda non se deu conta da inmensa repercusión que este xenial cineasta ten e terá no xeito de contar historias con imaxes e sons, e precisamente esto ocurre, probablemente, porque emprega unha linguaxe (na miña opinión estrictamente cinematográfica) moi específica que axiña foi confundida con cine infantil e animación intrascendente para adolescentes xaponeses. Sen embargo, Miyazaki creou obras mestras tan adorables como "A viaxe de Chihiro", que aporta a Avatar pequenos detalles, aínda que sen dúbida os filmes que máis inflúen na película de Cameron son "A princesa Mononoke" e "Laputa, o Castelo no ceo", ámbalas dúas obras mestras cun valor incalculable. Da primeira longametraxe, Avatar rescata moitísimos conceptos, como o papel do "Espíritu do Bosque" que dá sentido e otorga enerxía a tódolos elementos do planeta, un personaxe máis que en determinado momento toma partido entrando na loita dentro do bando dos que se preocupan de coida-la terra (isto é tal cual na peli), a loita entre humanos agochados tralos enganos e criaturas puras do bosque, lideradas precisamente por un humano (analoxía directa con Avatar), a aparición de multitude de criaturas únicas, integradas perfectamente na natureza, mudas, fráxiles e cun valor espiritual enorme (como en Avatar), etc... Mais tamén aproveita, por exemplo de "O castelo no ceo", a idea dunha superficie terráquea que flota nos ceos do planeta, como illas flotantes, ás que se accede tras pasar por un nebuloso período de turbulencias (que no filme de Miyazaki se denomina Laputa, e que en Avatar se denomina "montañas flotantes"). Estas referencias (entre algunhas outras) son tan evidentes que negalas sería unha estupidez.

Mais Avatar vive de moitas outras influencias. E se cadra o maior acerto de todos foi utilizar como base da película o concepto de "Avatar" que se emprega diariamente na rede, especialmente no mundo virtual on-line de relativo éxito denominado "Second Life" que se desenrola unicamente sobre internet. En "Second Life", así coma en cantidade de xogos de rol, videoxogos e distintas páxinas web, cada usuario crea o seu propio personaxe, con gran marxe de personalización, un personaxe que está controlado enteiramente por el mesmo e que, dalgún xeito, encarna unha especie de "eu virtual" na rede, capaz de interactuar con outros usuarios nun mundo paralelo ficticio. Este personaxe é un avatar. O nome procede da cultura hindú, e ten que ver directamente coa reencarnación e a transmutación de distintas deidades en corpos humanos. Todos estes conceptos están enteiramente integrados na película, e sen dúbida utilizar este concepto, tan presente hoxe en día en tódalas redes sociais e globais extendidas polo planeta, é un acerto de proporcións considerables.



Con todo, sabemos ben que esta idea é algo que xa se empregaba con éxito na saga de "Matrix". Foi unha invención rompedora naquel momento e Avatar bebe en grades doses de ese descubrimento. Como en "Matrix" (que sen dúbida foi todo un éxito e renovou o cine de ciencia-ficción, que levaba bastantes anos sen sacar nada que non sonara a máis do mesmo), Avatar comeza cando o protagonista sae dunha incubadora de humanos, aínda que neste caso o único propósito de tal feito é crioxenizar ós tripulantes da nave espacial para acometer unha longa viaxe. Tamén como en "Matrix", os humanos teñen que conectarse a un programa informático para poder controlar ó seu personaxe virtual, aínda que non se especifica se, como en "Matrix" (e aparentemente parece que non é así), ó morrer o personaxe virtual tamén morre o humano real. E se cadra o que máis me fastidia, é que novamente se utilice a "fábula do amor resucitador", que en "Matrix" salva a Neo por mor dun beso da súa amada Trinity e que en Avatar sucede igualmente aínda que se cadra dun xeito máis sutil. Iso si, é de agradecer que Cameron non empregase tamén a meirande invención tecnolóxica de "Matrix" no seu filme, é dicir, o famoso movemento de cámara de 360 graos sobre dun personaxe en imaxe conxelada, que hoxe en día se emprega en tódalas películas de acción con algo de presuposto (e que se cadra, ninguén soubo explotar tan ben como se fixo en películas como "Hero" ou "A casa das dagas voadoras" de Zang Yimou).

Sería estúpido non recoñecer tamén a influencia da saga de Tolkien, realizada por Peter Jackson, "El señor de los anillos". O mundo onde habitan os Na'Vi, o planeta Pandora, resulta unha Terra Media perfeccionada, se cadra máis selvática, e con máis animais estranos (moi ó estilo Miyazaki), pero na mesma onda. Pandora recorda, concretamente, ó país dos elfos, tan idílico, cheo de luz, máxico e impresionante. A saga de Peter Jackson é sen dúbida o gran éxito de ciencia - ficción máis cercano e polo tanto supón a referencia cinematográfica máis evidente para Avatar, especialmente no plano da composición 3D, a integración de personaxes reais e virtuais e todo un sinfín de efectos especiais coma nunca se viran antes na industria. Se "El Señor de los Anillos" non se tivera rodado, Avatar tampouco existiría, con ou sen a capacidade de Cameron para idear un mundo así. Mais tamén a nivel narrativo, o peso mitolóxico de Tolkien e, especialmente, o emprego dunha lingua específica propia rigurosamente analizada durante a súa creación (a linguaxe dos elfos na saga de Tolkien e a linguaxe Na'Vi en Avatar), marcan as posibilidades da historia. E por suposto, as loitas, esas batallas impresionantes que tan ben realizadas foron en calquera das tres películas de jackson e que serviron como base sólida para os conflictos bélicos que teñen lugar en Avatar. Tampouco hai que esquecer que, se o concepto "avatar" vén do mundo do rol, os xogos de rol maman directamente da literatura de Tolkien.

Se as influencias do filme remataran aquí, o guión podería semellar demasiado evidente. Así colléronse moitos outros recortes de aquí e acolá, especialmente, da outra gran saga de ciencia-ficción na historia do cine, sen dúbida a primeira, e que non é outra que "Star Wars". Cameron entendeu axiña que ser o creador dunha mitoloxía espacial propia, tal e como fixo George Lucas con Skywalker, Vader, Leia e compañía, supoñía unha fonte de beneficios proporcional a un número infinito de fans acérrimos que ano tras ano renovan a súa fidelidade e suman novos adeptos. Non hai películas con tantos freaks por metro cadrado como as de "Star Wars", nin negocio de marketing tan lonxevo e lucrativo aplicado a un xénero cinematográfico. É obvio que Avatar tenta convertirse na nova guerra das galaxias e así foi como se vendeu a película en todo o mundo. Creo que rematará por conseguilo, e sobre todo despois de que as tres últimas secuelas de "Star Wars" resultaran nun éxito moi comedido, case exclusivamente circunscrito a feligreses da saga e novos afeccionados á historia. Avatar supón para os "seguidores da Forza" unha historia similar, novidosa, con todo un imaxinario novo e novas criaturas, que ben pode ser compatible coas historias de Lucas, e que aínda ten moito camiño por recorrer. Non só iso, estilisticamente, Avatar tamén resulta en moitos aspectos case un calco a "Star Wars". Dende a utilización dun personaxe virtual integrado entre actores reais o suficientemente creíble (que en "Star Wars" foi Yoda entre outros, así coma en "El Señor de los Anillos" foi Golum), o emprego dun planeta remoto dende o que se pode contemplan o espectáculo creado pola visión de máis de un astro (como no planeta de Luke), naves espaciais xigantescas que se desplazan a velocidades inimaxinables, unha conquista galáctica absolutamente militarizada, o emprego de vehículos exclusivos en tódolos frentes, o amor que xorde en medio de todo o conflicto bélico, a presencia da Forza que une tódolos elementos da natureza, e así un longo etcétera con similitudes evidentes que fan de Avatar, efectivamente, a digna herdeira como saga de ciencia-ficción dominante na actualidade, e cuns medios tecnolóxicos moi por riba dos empregados noutras sagas das épocas dos 70-80 como "BattleStar Galáctica" ou "Star Trek", que malia ser unha serie de calidade, non logrou nas versións máis recentes estar ó nivel de técnica cinematográfica amosado en Avatar.



Outra cousa que me chamou a atención foi a selección de animais no planeta Pandora, animais por suposto totalmente ficticios e que, na miña opinión, se basean case na súa totalidade en animais prehistóricos, dinosaurios extintos coidadosamente modificados. Iso, unido ó contexto selvático, e a idea de monstruos xigantescos, temibles e feroces, capaces de devorar calquer cousa que se mova e dar moito xogo para o emprego de secuencias baseadas en persecucións, non deixan de lembrarme o gran éxito por definición das películas de dinosaurios: "Parque Xurásico". E neste aspecto hai que recoñecer que se trata de parecidos moi obvios.

Mais non esquezamos que Cameron ten un pasado, e nese pasado tamén ten cabida a ciencia-ficción. James Cameron é o creador de outra filme de ciencia-ficción absolutamente imprescindible, que tamén rematou por covertirse en saga: "Terminator". Iso si, "Terminator" foi un éxito a medias, xa que o éxito absoluto das dúas primeiras películas non chegou a ser emulado pola terceira, se ben a cuarta elevou bastante o nivel. Así e todo, "Terminator" e "Terminator 2" son dúas obras mestras do xénero e certamente aguantan ben o paso dos anos, malia as cronoloxías establecidas pola historia. De "Terminator" Cameron sacou probablemente o aspecto técnico máis importante para a realización de Avatar: o dominio e perfeccionamento da técnica dixital baseada en CGI. "Terminator" foi a primeira película que utilizou esta técnica de xeito convincente e con gran éxito en taquilla; hoxe en día resulta practicamente inimaxinable visionar unha película de acción sen a utilización de CGI para os seus efectos visuais. Pero, por suposto, a influencia de esta saga de filmes tivo moitas outras aportacións coas que agasallar a Avatar: en primeiro lugar, a idea dun futuro catastrofista, case coma unha especie de alegato ecoloxista, onde o mundo remata por convertirse nun holocausto de fume e azufre, un inferno de planeta, provocado precisamente polo progreso da nosa raza. En Avatar, os humanos conquistan outros planetas para a explotación mineira porque toda a natureza da Terra ficou practicamente destruída. O concepto do potencial bélico das máquinas exposto nas películas de "Terminator" tamén ten lugar en Avatar, ata o punto de que os helicópteros que empregan os humanos son case un calco dos empregados na terceira película de "Terminator" (que Cameron non dirixiu) pola rede Skynet, máxima inimiga da humanidade e líder da supremacía das máquinas. Existen moitas outras similitudes, sendo se cadra as máis curiosas as obsesións iconográficas de Cameron como por exemplo a utilización de localizacións industriais, moi presentes en toda a saga "Terminator" e que constitúen o inicio de Avatar, coa chegada do protagonista a Pandora, onde todo está dominado pola maquinaria inmensa empregada na extracción do mineral alieníxena, ou a utilización de "armas brancas" como coitelos ou puñais, que constitúen prácticamente o único armamento do robot inimigo en "Terminator 2" (armamento líquido, iso si) e que en Avatar saen á luz unha e outra vez. Tampouco hai que esquecer que Cameron é un especialista do "cine de persecución", que tan xenialmente abordou Spielberg durante a súa carreira ("O Diablo sobre rodas", "Tiburón", "ET", "Indiana Jones"...). Tanto en "Terminator" como en "Avatar" as persecucións teñen un papel fundamental na historia.

Cameron non só elaborou "Terminator", tamén dirixiu outro filme de ciencia-ficción que se inclúe noutra das sagas máis impactantes da historia do cine, como é "Aliens, o regreso", e incluso elaborou un primeiro guión de "Rambo II" aínda que posteriormente a súa versión fose abruptamente modificada (¿vén de Johnny Rambo ese emprego recurrente de puñais de supervivencia en Avatar?). En "Aliens" Cameron dirixiu e guionizou unha película capaz de renovar unha primeira película maxistralmente creada por Ridley Scott como foi a primeira "Alien", e fíxoo moi ben. De "Aliens", precisamente, se nutre Avatar coa participación fundamental no elenco de actores de Sigourney Weaver, que volve a estar excelente, coma sempre. "Aliens" foi o primeiro filme de Cameron no que tiña cabida unha raza extraterrestre, así como en Avatar os Na'Vi tamén son alieníxenas. Pero aquela saga que iniciou "Alien" estaba o suficientemente traballada de antemano como para que Cameron poidera modificar en gran cousa todo o deseño artístico de Gigger, inmenso dibuxante creador de todo ese imaxinario. Con todo, "Aliens" é unha película onde a nave espacial ten un papel fundamental, un espacio hermético, industrial e tecnolóxico, algo que sen dúbida modificou o seu xeito de entender a ciencia-ficción.



Hai moitos outros filmes que se intúen en Avatar, sen dúbida, tales como o emprego do robot militar controlado polos brazos do soldado que vai ós mandos na cabina, unha máquina bélica que ten bastante importancia na película, e que resulta case un calco do que se empregou en "Robocop 2", outra película de referencia. A tecnoloxía táctil basada en hologramas que abunda nos laboratorios, salas de control e naves de Avatar recorda moito á empregada en "Minority Report". A idea da manipulación e creación xenética a gran escala que se aventura no filme de Cameron tamén parece beber directamente de "Intelixencia Artificial" e dos replicantes de "Blade Runner", se ben aquí as analoxías se desdibuxan un pouco mediante o añadido da "creación orgánica" que ten lugar cos avatares. A idea do mineral, as minas a ceo aberto e a explotación indiscriminada dos alieníxenas é algo que foi brillantemente exposto en "Desafío Total" (que por certo tamén conta cun personaxe no que se confunden realidade e ficción virtual), e así poderiamos seguir un bo trecho, xa que semella bastante evidente que un proxecto das dimensións económicas de Avatar non podía cimentarse exclusivamente nunca creación absolutamente novidosa. O mellor xeito de asegurar o éxito foi añadir moitos dos grandes acertos de pelícuas Sci-Fi exitosas.

Por último, o derradeiro ingrediente que añadir á batidora: o mundo dos videoxogos. Probablemente non houbo na historia do cine un filme tan integrado co seu videoxogo. A película practicamente é un video-xogo, e o mesmo título da longametraxe provén do mundo dos videoxogos informáticos. Non se trata só dunha campaña de marketing exquisita: Avatar pode ser recoñecida como unha película capaz de integrar perfectamente ambos mundos e linguaxes. De feito, Avatar recorda a moitos videoxogos do seu estilo como a saga de "Final Fantasy", "Warcraft" e outros moitos xogos de rol e de estratexia futuristas. Utiliza en moitas ocasións a vista en primeira persoa, típica de videoxogos como "Quake" e toda a parafernalia bélica que triunfa en xogos como "Gears of War".

Se a toda ista mestura se lle engade un 3D excelente, mellor que calquer outra cousa vista ata a presente data, a posibilidade de velo nunha sala IMAX, e toda a capacidade de rexistro das novas cámaras HD, estamos ante unha das películas que, na miña opinión, cambiarán sen dúbida a historia cinematográfica. Porque non creo que se den seminarios de guión baseados en Avatar, a dicir verdade, pero seguro que xa ninguén poderá falar da ciencia-ficción sen mencionala de aquí en adiante, e poucos espectáculos audiovisuais están ó nivel desta xoia, agás algúns dos mencionados neste post (hai que ter en conta a época) e outras excepcións como por exemplo o cine de Frank Miller, especialmente en "Sin City", e se mo permitides, tamén en "300".

Unha peli cen por cen recomendable, e todo un éxito como producto digno de ser ben analizado. ¿Alguén coñece mellor xeito de encher as salas de espectadores? Creo que a película costou cada un dos 10 eurazos que paguei por vela (en versión 3D, modalidade que recomendo, se ben ó rematar a película a dor de cabeza é considerable), e xa me está tardando volver a vela no cine. Agora ben, desta vez, a poder ser, en formato IMAX, que xa debe ser para morrer do gusto... Por certo, un consello, se ides vela, ¡tede en conta que dura 2 horas e 45 minutos!

 






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado