Dúas curtas na memoria...
domingo 07 febreiro 2010
Agora que os "pescadores do ocio" estamos a sufri-las consecuencias dunha crise que non entende de cultura (nin falta que fai), a medio camiño entre agobiados e tranquilos pola ausencia de rodaxes e espectáculos nos que traballar, e coa ameaza de Damocles nas costas, merece a pena recupera-la memoria para crear novas lembranzas de futuro.
Vaia, iso é o que me gustaría crer...
Pois iso, namentres flúe algo nalgunha parte, contentémonos co noso pasado, que co paso da distancia sempre presta. Eu pensaba que dúas das curtas nas que máis orgulloso estou de ter participado non podían atoparse xa en ningún sitio na rede, posto que en youtube non hai xeito de atopar máis alá dalgún trailer solitario, e daquela entrei a formar parte da comunidade de flocos.tv, como xa ccomentei na anterior nova, e alí, entre varias obras de ficción, din con este par de traballiños dignos de ser reproducidos, que pouco a pouco vanse perdendo na memoria...
"O Cerco" é a máis recente. Dirixida por Martiño Vázquez, cunha montaxe e realización abrumadoras de probablemente o maior talento na edición de vídeo que pariu este país nos últimos anos (non me cansarei de dicilo), Fran X. Rodríguez, e na fotografía un nunca suficientemente valorado Antón Bugallo, capaz de sacar ouro da produción máis pequena, como é o caso. Sei que inflúe o feito de ser colegas, e aínda así non podo evitar amosa-la miña devoción por toda esta xentiña. Se a iso lle sumamos a un director artístico de tanto talento como Seara, e unha post-producción de audio traballadísima, topámonos cunha peza interesantísima e nada pretenciosa, directa e impactante ó estilo americano, que tivo menos repercusión do que merecía. Foi un pracer operar a cámara e iluminar en moitas das esceas, contando con equipos de Videafilm, e agora é máis pracer todavía poder poñe-la curta enteira no blog, asegurando a súa presencia permanente na sección de ligazóns, lugar anteriormente ocupado polo trailer. Síntoo, pero as cousas das incompatibilidades entre páxinas impídenme inserta-lo código para que se poda ver a peza directamente. Para ve-la curta, basta con pinchar aquí.
A outra peza, chamada "La Línea" pertence ó nunca comprendido xénero experimental. Xa pasaron uns cinco anos desque gravamos esta peza tras moitas horas de esforzo, nas que coqueteamos cos grandes medios traballando cunha Steadycam profesional, carro de travelling e Digi Beta, preparando un amplo decorado sobre madeira que conseguimos montar nunha decrépita nave e tirando de tódalas luces que o presuposto nos permitiu. Moitas, pero que moitas horas sen durmir durante tres días de preparación e rodaxe nas que traballei, como poucas veces, seguro de que o que estabamos a facer merecía a pena. Xose González Varela creou esta obra que co paso do tempo me sigue parecendo o suficientemente enigmática e distinta como para merecer, polo menos, unha reflexión ó respecto. Xose é un deses cineastas puros, que precisamente por iso morren fácilmente entre o ir e vir de producións e profesionais. Un diamante en bruto que ninguén soubo aproveitar. "La Línea" segue a motivarme, por algunha estrana razón, malia que a día de hoxe sigo sen saber que é o que quixo Xose dicir con esta curta. Moitas cousas que un fai non cobran importancia ata que as volve a ver pasados uns anos... Xusto nese momento en que non volverías a facer algo igual nin de coña. Esta curta pode visionarse tamén a través de flocos.tv, pinchando aquí.