Ben Díaz

Busca


Galerías

Algunhas das miñas fotos
Ver todas


Calendario

« xuño 2011 »
lu.ma.me.xo.ve.sa.do.
  
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
   
       
hoxe


MusicPlaylist
Music Playlist at MixPod.com

Creative Commons License
Blog Ben Díaz / Videafilm by Ben Díaz is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial 3.0 España License.
Based on a work at bendiaz.blogs-r.com.
Permissions beyond the scope of this license may be available at bendiaz@galicia.com.

 

 

O rexurdir do Planeta Namec

mércores 29 xuño 2011

As miñas desculpas por non ter actualizado o blog dende hai un tempo! A causa é emocionante: dende hai dous meses, Videafilm pasa de ser unha sociedade mercantil a unha sociedade limitada con nova denominación, e non me queda outra que embarcarme nesta viaxe rumbo a novos desafíos. PLANETA NAMEC xa é unha realidade!

 

Pero falemos dos motivos...

 

Agora que a crise do sistema é xa de dimensión catastrófica, con tódolos políticos deslixitimados por unha poboación activa que está cansa e cabreada, cunha incredulidade absoluta en calquer tipo de iniciativa, e mentres o pánico da alarma social inunda cada casa cun televisor acendido, agora é o momento. Pasaron moitas cousas, e moitas están por pasar, nun momento histórico que non esqueceremos fácilmente. Como vai un aterecer neste intre? É hora de crer no poder das persoas.

 

Así que agora, convertimos Videafilm noutra cousa, máis preparada, máis diversificada, máis profesionalizada. A pesar de leis de prevención de riscos absurdas, unha protección de datos que requisa cartos a cambio de medo, toda a xenreira acumulada de administrativos, notarios, rexistros e bancos, eu apúntome a fortalecer a estructura empresarial na que creo.

 

Por desgracia, ser un pequeno empresario hoxe en día é case un crime. Ser un pequeno empresario legal, pagador e comprometido roza sinxelamente o absurdo. Querer xerar empleo xusto a toda costa é para ir mira-lo cerebro. E de ser autónomo, que se pode dicir... Para o estado, todo é parte do proceso. O mesmiño proceso que viviron as grandes corporacións internacionais. Ten sentido.

 

Pero aquí estamos. Eu só intento combate-la crise con ideas. Traballar cunha firme confianza nas persoas que cren en outras persoas, que pertencen a comunidades reais, máis alá das versións virtuais, que non montan empresas baixo esa premisa que a todos nos contaron nas escolas: facer cartos. Gústame a xente que lonxe de criticar todo o que existe polo mesmo feito de existir, que lonxe de rendirse e convertir cada día da súa vida nun océano de tristura e desesperación, quere seguir divertíndose e acumular vivencias positivas que o fagan sentir algo máis, ou polo menos algo distinto, a unha pequena rodiña dentada enquistada na engranaxe, esa mesma que apodrece a pasos axigantados. Teimo en seguir con ese mundo da creación ó que pouco lle importa a oposición das sociedades. Estamos aquí para iso, despois de todo. Remover cabezas, ofrecer un sorriso, pelexar con traballo.

 

Non sei se acabaremos ben con esta aventura. Fuxir tan conscientemente de ofrecer competencia, apostando por crear novas líneas de negocio, é darlle as costas ó modelo económico en sí. Fomentar unha producción propia na que os participantes son á vez propietarios, non parece un estándar extendido. Fortalecer a cercanía co cliente, os sistemas de colaboración e as sinerxias baseadas en recursos non son técnicas empregadas nos periódicos como posibles saídas á crise. Por iso digo que, se cadra, non acabamos ben. 

 

E no sector, onde grandes federacións remuneradas protexen ós seus socios, as oficinas comezan a baldeirarse perigosamente e a escalada de costes remata por ser inasumible, hai aínda espazo para oportunidades. Nun sector democratizado tecnolóxicamente, con máis e mellores profesionais, sen élites especializadas poderosas e no booom máis absoluto das novas vías de difusión, hai boa terra para plantar novas solucións a novos problemas.

 

No fondo, o que realmente me interesa é o proceso. O realmente divertido é subir e baixar na montaña rusa, convencido de a ónde queres ir e por qué. Nada de crecer desmesuradamente, potenciar o máximo beneficio e fomentar ambicións incontrolables. Baixo ese punto de vista, entrar en guerras de prezos, queixarse polas subvencións ou pecharlle as portas ós novos non ten demasiado sentido. Eu hai tempo que vou vivindo. Un piso de aluguer, saír de vez en cando cos amigos, quince días de vacacións por aí fóra e as necesidades cubertas, que máis podo pedir? Acostumeime a vivir con pouco, e xa son grande de máis para cambiar de parecer. Traballar é para min a grande aventura. Tan grande, que ás veces nubla á vista. Saber cada día máis, compartir cada día máis, avanzar cada día máis, e rir, rir moito traballando duro. Hai moita xente así, coñézoos. Quero estar preto deles. 

 

PLANETA NAMEC nace baixo a experiencia do vivido e coa premisa da mellora constante. Nace cunha clara identidade e coa vocación da ilusión perpetua. E, esperemos, nace para quedarse! Pero iso non significa deixar tódalas demáis cousas que sigo facendo. Ó contrario, quero afianzar cada vez máis a miña faceta docente tras dous anos maravillosos entre clases a novas promesas do audiovisual e a futuros luminotécnicos. Quero seguir no rocanrol, como non! Bolear canto máis mellor e facerlle luces dende a miña mesa á maior cantidade de bandas, grupos, compañías e artistas posibles. E quero traballar cada vez máis en producción, loitando por facer productos arriscados que sinto son capaces de mellorar un pouco as conciencias da xente. Editar, escribir, deseñar... Todo suma! A empresa axudará a fidelizar clientes, optimiza-lo traballo e garantizar unha progresión laboral, ó tempo que me permitirá adicarme con máis forza se cabe a cada un dos proxectos paralelos.

 

Gustaríame pensar que, hoxe en día, transformarse en empresario significa unha opción valente, e non unha renuncia cobarde. Gustaríame pensar que non é preciso gañar moitísimos cartos para poder atreverse cun negocio. E sobre todo, gustaríame pensar que as empresas non o convirten a un nun monstruo, senón máis ben nun labrador silandeiro, que involucra con respeto a todo aquel que se sume á iniciativa. Gustaríame que as miñas conviccións se convirtan en realidades, pouco a pouco, sen présa, e sen facerlle a vida imposible a ninguén.

 

PD: Namec é o planeta da serie animada Dragon Ball que foi aniquilado pola loita entre os dous protagonistas antagónicos deses míticos debuxos. Pero a destrucción non é máis que un cambio, e as consecuencias de morrer son as oportunidades dunha nova vida. Así que uns cantos mozos e mozas decidimos rexurdir ese planeta esquecido, fondealo en Galicia e comezar a enchelo pedra a pedra coas nosas ideas. Levamos ben pouco, pero a cousa promete promete... Vémonos no camiño.

 

Ben Díaz

 






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado