
Así e todo, e non sen amosa-los meus máis sinceiros respetos á serie de Tony Soprano, "Six Feet Under" está na miña opinión incluso a un nivel máis elevado. Detrás de "Six Feet Under" está Alan Ball. E ¿quén é Alan Ball? Pois Alan Ball foi o guionista dunha das pelis americanas máis gloriosas do cine moderno: "American Beauty". Incluso se non che gustou aquela longametraxe, "Six Feet Under" pode chegar a convencerte, en tanto que a temática, estética e reparto son radicalmente distintos. Tamén é Alan Ball, tras rematar coa serie que me ocupa, o creador de "True Blood", actualmente nas pantallas, e que aínda non cheguei a examinar como seguro se merece.
Entón,¿de qué vai "Six Feet Under"? A serie trata o tema máis peliagudo dos posibles: a morte. O xeito de amosalo é a través dunha familia que posúe unha funeraria, e polo tanto, se enfrenta cada día cunha nova desgracia. A primeira tempada arranca coa morte de Nathaniel Fisher, o cabeza de familia, que obriga ó seu fillo David a continuar coa empresa familiar, provoca a chegada do seu irmán Nate, que máis tarde se unirá a David na dirección da funeraria, e trastorna sensiblemente tanto á súa muller Ruth como á súa filla Claire, posiblemente a que máis puntos en común garda co seu defunto pai. E a partir de aquí, o indecible.

A serie é por isto pouco accesible, en tanto que o argumento non presenta nada o suficientemente atractivo como para poñerse a ve-la serie inmediatamente. Sen embargo, resulta un proceso creativo moi productivo, en tanto que o feito con que arranca cada capítulo é, precisamente, a morte dunha persoa, e polo tanto, o seguimento dos procesos que emprende a funeraria familiar para tratar ó defunto. Se aquí rematase a línea argumental de cada capítulo, non sería moi distinta á proposta de "House", aínda que moi inxeniosa en tanto á escolla dun nexo argumental capaz de estructura-la continuidade da serie. O que pasa é que esta morte "capitular" só é un veículo secundario, que permite visualizar as reaccións dos personaxes, e polo tanto, intimar con eles, pero non os define, porque en realidade o que ocurre na funeraria é visto como un traballo, non exento de consideracións espirituais, posto que a fin de contas se trata dun drama alleo, e o que delimita a trama argumental é precisamente o que lle ocorre, nas súas vidas persoais, a Nate (o protagonista moral, e polo menos na primeira tempada, a representación do optimismo), David (o protagonista real, e polo tanto o que asume tódalas responsabilidades do seu difícil papel) e Claire (a protagonista virtual, isto é, a única capaz de escapar á dinámica da familia). Como nexo a vidas tan dispares, a súa nai Ruth na vida real, unha muller tan especial como complexa, e o seu pai Nathaniel nas súas imaxinacións, un recurso narrativo e estético constantemente empregado nas distintas tempadas, chegando a desdibuxa-la conexión entre os feitos e a ensoñación.

Así e todo, non nos enganemos, a serie non é sinxela de levar, en tanto a que navega constantemente entre a derrota e a superación dunha realidade constantemente marcada pola morte dos defuntos, e a insistencia en imaxina-la morte que tanto define ós vivos. Por iso hai que ser cauto á hora de recomenda-la serie. Os problemas que se tratan son eses cos que todos temos que lidiar, en especial, o drama de estar so e aillado ante a inefable circunstancia da morte. E iso, visto capítulo tras capítulo (especialmente para persoas sensibles), non é algo fácil de asumir. Ademáis, a serie vai escurecendo a medida que avanza, paralelamente ó dano que deixa tras de si o pasar dos anos. Supoño que a min a serie axudoume a enfrentarme co medo a morrer, pero non ten por qué suceder así con outras persoas.
Iso, a nivel narrativo. Porque estéticamente a serie é para volverse tolo. Unha fotografía elegantísima, que lonxe de estar sempre presente, vai sempre pintando con sinxeleza os fabulosos decorados naturais onde ten lugar a historia. E como cada capítulo dura 55 minutos, e durante o mesmo existen baixadas e subidas de tensión, flashbacks, planos de composición traballadísima e unha línea sobria que define perfectamente ós personaxes, a un dálle a sensación de que en cada capítulo está a ver unha nova longametraxe que se define en si mesma, sen necesidade de episodios anteriores ou posteriores, chea de significado e profundidade. E, certamente, a serie está ambientada con moita cabeza. Os actores están escollidos perfectamente, e fan un traballo espectacular. En ningún momento un atopa detalles fóra de lugar, pretenciosos ou previsibles. É unha serie feita de corazón, e a isto pouco se pode añadir, nin tan sequera a nivel de fotografía.

Tras ver tres ou catro capítulos en internet, merquei o pack enteiro na Fnac, uns 25 DVD's coas 5 tempadas, por 100 euros. Bastante pasta, e aínda así creo que foi unha das mellores compras que puiden ter feito. A edición, preparada como se fose unha lápida, é espectacular, e contén extras moi recomendables, onde pode observarse con detalle a meticulosidade coa que foi elaborada a serie en todo momento. Tralo visionado de cada capítulo, algo se metía no meu corpo, obrigándome á reflexión, e a medida que as tempadas se ían sucedendo, cada vez atopaba máis puntos en comúns cos personaxes, véndome a min e ás persoas que me rodean constantemente retratados nas súas vidas; algunhas das frases enunciadas polos personaxes penetraban no meu corazón como puñaladas de sabiduría incontrolable, e todo isto, por fortuna ou por desgracia, sempre aderezado pola inefable condición humana, capaz de construír e destruír a partes iguais, tanto aquilo que cremos ser como aquilo que algún día fumos e seremos, levando ás nosas parellas, familias e amigos por diante. A serie é dura porque a vida é dura, e sei que a xente non quere acende-la tele para que alguén llo conte, porque xa lle chega con vivilo cada día. Por iso, precisamente por iso, esta serie é tan necesaria.
Hoxe vin o último capítulo, e chorei a mares, feliz e desgraciado a un tempo, por ter acceso a un exercicio tan impresionante acerca do que o ser humano é, dende a perspectiva do espectador omnisciente, que a fin de contas, ten que pasar polos mesmos calvarios que eses tristes e perdidos personaxes sen rumbo, avanzando sen saber por qué, pero avanzando, ata o día en que xa non poidan moverse.
E por iso, unha serie de televisión como "Six Feet Under", debería ser lembrada como unha obra mestra.